Friday 10 de May de 2024

Aberto o prazo de inscrición para participar na 2ª Edición da Aceleradora de proxectos turísticos da Xunta


— O emprendemento innovador poderá optar á segunda edición deste programa de formación e mentorización do Goberno galego, que se desenvolverá entre abril e decembro

— Ademais, o programa volverá repartir 80.000 euros en premios directos para as iniciativas máis destacadas

— Como novidades desta nova convocatoria amplíase o período de actividade previa das startups candidatas ata os 2 anos e súmanse unha nova categoría, Turismo de Litoral

A Aceleradora galega de proxectos turísticos da Xunta de Galicia abre hoxe oficialmente o prazo de inscrición da súa segunda edición, que se desenvolverá ao longo deste ano coincidindo coa segunda anualidade do período extraordinario Xacobeo 21-22. O Goberno galego redobra así a súa a aposta pola retención e captación de talento innovador na procura de solucións que reforcen e melloren o sector turístico galego e que supoñan propostas de alto impacto na sociedade.

Desde hoxe e ata o vindeiro 22 de marzo, calquera emprendedor ou emprendedora e as startups de ata 2 anos de actividade previa á súa entrada na Aceleradora poderán presentar a súa candidatura a través do formulario habilitado na páxina web oficial (www.turislab.gal), onde tamén poderán consultar as bases da nova convocatoria. O equipo de selección avaliará cada proposta presentada analizando as claves de cada un dos proxectos, a súa viabilidade e a potencialidade nos mercados e tan só dez proxectos serán acelerados para o seu lanzamento ao mercado.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, puxo en valor esta nova oportunidade de facer realidade proxectos turísticos que permitan ao sector avanzar na innovación e na creación de novas empresas e produtos turísticos que respondan ás novas necesidades dos viaxeiros. Castro destacou, neste sentido, que a Aceleradora de proxectos turísticos reforza este ano o seu o seu comité asesor, de selección e de profesorado, incluíndo expertos e profesionais que mentorizarán cada proxecto.

Categorías

Unha das novidades desta segunda edición é a incorporación dunha nova categoría nas que se poden encadrar as propostas innovadoras presentadas. Así, ademais das 6 xa coñecidas en 2021 (Camiño de Santiago, Sustentabilidade, Social Tech, Gastro Tech, Travel Tech e Infrastructure Track), este ano proponse Turismo de litoral, un área que entronca directamente co Plan Territorial 2021 e que abre a porta a un amplo abano de propostas e iniciativas que poden ser un valor diferencial no turismo galego.

A Aceleradora galega de startups da Xunta de Galicia, pioneira e a única especializada no sector turístico, ofrece a todos os seleccionados un completo programa de formación e mentorización, instalacións propias en Santiago de Compostela, espazos para a aprendizaxe e o networking e novamente repartirá 80.000 euros en premios directos, ademais das distintas oportunidades que unha iniciativa estratéxica do Goberno galego como esta, que xa conta co aval da exitosa primeira edición, ofrece aos proxectos máis destacados.

Fases do programa de aceleración

A apertura do prazo de inscrición supón a saída oficial da segunda edición da Aceleradora que ao longo deste mes recibirá as candidaturas. O ano pasado foron máis de 80 os proxectos presentados, dos que se escolleron 15 e finalmente se aceleraron 10.

Nesta segunda edición, o equipo de selección realizará unha avaliación dos proxectos ao longo do mes de marzo e escollerá 15 preseleccionados e os 5 reservas da Pre-Academia, ou Fase 1 da Aceleradora.

Durante un mes ofrecerase aos preseleccionados un primeiro módulo formativo básico orientado á orientación da idea orixinal e á defensa do seu proxecto no DemoDay clasificatorio, no que só 10 proxectos superarán o corte e se converterán nos finalistas da segunda edición. Estes finalistas serán os que accedan ao programa completo de formación proposto (Academia ou Fase 2), que se desenvolverá entre abril e decembro, tempo durante o que traballarán co equipo de mentores e a rede de networking da Aceleradora, podendo optar ademais, aos premios finais desta segunda edición.

Como xa ocorrera na edición inaugural haberá un Investor´s Day e un Demoday final (Fase 3) que servirá para avaliar a evolución e aceleración que presentan as iniciativas desde o seu acceso ao programa coa vista posta na saída aos mercados e na escalabilidade e internacionalización dos proxectos. Desta fase final sairán os gañadores desta segunda edición.